Unha lectura aberta e libre de textos poéticos de diferentes autoras
Nova proposta, coordinada por Carlos Arias - voluntario do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia - para achegar a poesía ás persoas interesadas.
A actividade consiste nunha lectura aberta e libre de textos poéticos de diferentes autoras na que as persoas participantes poderán facer a análise dos poemas na aula, ao fío do diálogo que se estableza ou pola primeira impresión do momento. A análise será completamente libre coa idea de que existen unha infinidade de enfoques para nos achegarmos ao poema, todos válidos e importantes.
As sesións de Mañás poéticas serán os últimos mércores do mes de 10.30 a 12.00h na sala de traballo en grupo A do 3º andar.
A entrada é libre ata un máximo de 15 participantes.
Carlos Arias (Lugo, 1959) ten varias publicacións como o primeiro libro de xadrez en lingua galega (1989), relatos como O barco de seixo (premio Camilo José Cela 1991), a novela Libro das capitulacións de Xulio Corveira Andrade (Toxosoutos, 2003) ou Ríos que se abrazan (Toxosoutos, 2008).
Permaneceu no Departamento de Filoloxía Española da USC como investigador (1988-1993) e foi colaborador de distintos medios, como Antena3 Radio (1992-1994), O Correo galego (1989-2023) ou revistas especializadas en filoloxía, como Anais da Literatura española contemporánea (Universidade de Denver, Colorado) ou Verba (USC). En poesía publicou Dor da claridade (Bubela, 2008), Sobol (Sermos Galiza, edición dixital, 20016) e Zafra de arelas (Bubela, 2023). Tamén se encargou da edición ou participou en varias obras colectivas e en revistas poéticas. Así mesmo, publicou unha biografía en galego do intelectual e pintor surrealista Eugenio Granell (Xunta de Galicia, 2005), traducida ao español como Eugenio Granell. Un hereje contemporáneo (Fundación Eugenio Granell, 2016).
Desde hai anos encádrase no Sentimentalismo, movemento de vangarda artística galega que aposta pola liberdade e a honestidade literaria máis aló de recoñecementos ou de réditos alleos ao proceso creativo.