Inscrición aberta dende o 1 de setembro ás 8.30h.
A proposta deste obradoiro coordinado por Antía Otero (Apiario) é a de iniciarnos nas diferentes posibilidades que nos ofrece a palabra dende as pequenas prosas ata a poesía. Nun encontro mensual, de outubro a xuño, tomarémoslle o pulso á emoción e á técnica para atender ao mecanismo do texto literario.
Analizaremos os accesos e tamén as descubertas asociadas ao proceso na escrita persoal, e guiarémonos sempre polas voces das grandes autoras e autores, que servirán de faro e contexto para comentar e analizar os seus textos e espellarnos nos nosos. Reafirmándonos na idea de que non hai escritura sen lectura.
Cun programa artellado en nove sesións, percorreremos a memoria individual e colectiva tentando establecer ou afianzar lazos. A reflexión sobre a escrita, o tempo, o lugar, os rastros, o efémero, os cambios e as permanencias, o traxecto e as mudanzas, os obxectos, enmarcaranse na escrita procurando un rexistro, unha crónica que revele unha singularidade.
En cada sesión centraremos a dinámica botando man de fíos temáticos e ferramentas concretas que nos axuden a escribir, mais tamén a ampliar a capacidade lectora e crítica.
O obradoiro está dirixido a 15 persoas adultas e celebrarase con periodicidade mensual os venres de 16.45 a 19.15h na sala de traballo B do 3º andar. Estas son as datas das nove sesións previstas:
- 9 outubro
- 6 novembro
- 18 decembro
- 15 xaneiro
- 5 febreiro
- 5 marzo
- 2 abril
- 7 maio
- 4 de xuño
A inscrición realizarase exclusivamente a través do seguinte formulario (activo a partir do 1 de setembro ás 08:30): https://bibliotecas.xunta.gal/gl/santiago/formulario-de-inscricion-no-obradoiro-de-escrita-creativa-o-enxame-das-palabras-da-man-de-apiario
As prazas serán adxudicadas por sorteo.
Requisitos para participar:
- Idade: maiores de 18 anos
- Carné: É imprescindible ter o carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia antes de inscribirse.
Prazo: A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario que estará aberto dende as 08:30h do 1 de setembro ata as 23:59 do 15 de setembro na nosa páxina web.
Adxudicación das prazas: Farase por sorteo o 17 de setembro e o listado cos nomes das persoas admitidas publicarase na nosa páxina web.