Día da ilustración 2025

Imaxe

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel das/os profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado unha ilustradora ou ilustrador histórico galego.

O Día da Ilustración do 2025 está adicado a Xosé Vizoso, un artista gráfico que, alén dunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ten tamén unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros.

Covidámosvos a participar nas seguintes actividades que organizamos para esta celebración:

*Sábado 25 de xaneiro ás 12.00h no salón de actos. Contacontos ilustrado Homenaxe a Xosé Vizoso da man de Polo Correo do Vento. Actividade na que contaremos e debuxaremos a biografía de Xosé Vizoso, autor homenaxeado no Día da Ilustración 2025. Ao remate, realizaremos un obradoiro de debuxo sobre este ilustrador. Para nenas e nenos de 3 a 8 anos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

*Martes 28 de xaneiro ás 18.30h no salón de actos. Celebramos o Día da Ilustración co obradoiro de cómic autobiográfico: Atopar a inspiración no cotiá que estará a cargo da ilustradora Pepa Prieto Puy que ten publicado o seu primeiro libro Mis agendas semanales (Apa Apa Cómics, 2024) .

*Mércores 29 de xaneiro ás 18.30h na sala infantil. Celebramos o Día da Ilustración co obradoiro Misterio na biblioteca: creación dun conto ilustrado da man de O Faiado de Nin. Cada participante converterase nun ou nunha famosa detective para resolver un misterioso evento que tivo lugar na Biblioteca... Que inventará cada participante? Serán estes contos o comezo dunha saga detectivesca?

*Xoves 30 de xaneiro ás 18.00h no salón de actos. Celebramos o Día da Ilustración con Cores, contos e rock coa Ramona Pequena que chega da man de Pakolas como un espectáculo onde a interacción co público infantil e familiar, a súa música rockeira, os contos e as cores e debuxos de Laura Romero en directo son o principal atractivo. Está baseado no último libro-cd de Pakolas A Ramona pequena vai á lúa (Galaxia 2023), ilustrado por Laura. Público familiar. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Mostra bibliográfica. Do 20 de Xaneiro ao 28 de febreiro de 2025 no andar baixo da Biblioteca. Gravado, ilustración, deseño e humor gráfico en Galicia. Para celebrar o 30 de xaneiro, Día da Ilustración, facemos unha mostra bibliográfica cunha selección de documentos da nosa colección para dar unha visión xeral da historia da ilustración e as artes gráficas en Galicia ata chegar á actualidade. Grandes figuras históricas como Castelao, Luis Seoane, Carlos Maside ou Camilo Díaz Baliño, xúntanse nesta mostra cos autores máis actuais, entre os que destacamos a Xosé Vizoso, a persoa homenaxeada en 2025 . O Día da Ilustración é un proxecto colaborativo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).