A Biblioteca Pública de Ourense Nós realizará un campamento de Conciliación Familiar “Concilia +7”, durante os meses de xullo e agosto.
Esta actividade forma parte do Plan Corresponsables e é executada pola Xunta de Galicia con financiamento do Ministerio de Igualdad (Gobierno de España).
O campamento “Concilia +7” realizarase de luns a venres, non festivos, do 30 de xuño ao 30 de agosto, para rapazas e rapaces de 7 a 9 anos. (Deberán ter esa idade no momento de inicio da quenda correspondente do campamento).
Realizaranse 4 quendas en horario de 9.00 a 14.00 h:
- PRIMEIRA quenda: do 30 de xuño ao 11 de xullo
- SEGUNDA quenda: do 14 de xullo ao 1 de agosto
- TERCEIRA quenda: do 4 de agosto ao 14 de agosto
- CUARTA quenda: do 18 de agosto ao 29 de agosto
Para participar no campamento é necesario inscribirse a través do formulario de inscrición. A inscrición ábrese o día 26 de maio as 9:00 h, sendo imprescindible ter carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia no momento da inscrición. O número de rapaces por quenda é de 12. As prazas dispoñibles serán outorgadas por estrita orde de chegada.
A inscrición realizarase a través do seguinte formulario, accesible dende a ligazón que se mostra a continuación ou dende o Código QR do cartel (o acceso á inscrición estará pechado ata o 26 de maio ás 9:00):
Acceso ao Formulario de Inscrición
O campamento “Concilia+7” estará a cargo da Biblioteca Nós e desenvolverase nos meses de xullo e agosto, inclúe unha ampla oferta de actividades para todos os gustos: obradoiros de cerámica, xogos de mesa, actividades relacionadas co medio ambiente, contos, lecturas, arte, robótica, cinema, música... Diversas opcións de lecer para desenvolver en grupo, desde unha perspectiva lúdica e creativa.
Todo iso sen perder de vista o protagonismo da lectura, xa que as actividades teñen os libros como punto de partida e destino final, e todas elas potencian o uso dos recursos informativos da biblioteca.
O campamento ten como obxectivos: Axudar na conciliación familiar nos períodos non lectivos. Fomentar o goce da lectura. Estimular a creatividade e a imaxinación. Facilitar actividades que permitan traballar xuntos e compartir ideas, fomentando o respecto e a empatía. Fortalecer a atención, a concentración, estimular as habilidades materiais e mellorar a autoestima.
Información Biblioteca Pública Nós : actividadesnos [at] gmail.com (actividadesnos[at]gmail[dot]com)