O entroido e a terra

07 de Febreiro - 08 de Marzo 2025, 9:00 - 14:00
Imaxe
Biblioteca Pública de Ourense
Ourense › Ourense

Exposición de fotografías de Brais Lorenzo

Este mes contaremos cunha exposición de fotografías de Brais Lorenzo vinculadas ao proxecto xornalístico "Habitar o baleiro" que documenta a vida no rural en Galicia. 

As imaxes que nos acompañarán este tempo están relacionadas co Entroido. 

"O Entroido é un dos ritos máis ancestrais e emblemáticos de Galicia. Malia terse popularizado por todo o territorio como unha festa, existe un vencello moi profundo entre esta celebración e a vida rural das aldeas, onde é tomada como un ritual e unha reivindicación das orixes.



Houbo un tempo no que practicamente non existía ningunha aldea galega sen o seu Entroido. Era, para os nosos devanceiros, un momento clave do ano. Sinalaba o final do duro e longo inverno e abría a chegada do renacer coa primavera. A vida rural galega, marcada polo traballo na terra, atopaba no Entroido unha vía de evasión e un espazo para a creatividade, a sátira e a transgresión das normas sociais.



O Entroido foi creado e mantido no tempo fundamentalmente polas sociedades gandeiras e agrarias. A referencia clave era o ciclo solar, polo que as formas de vida se adaptaban aos períodos produtivos."

Brais Lorenzo