A biblioteca proporciona acceso gratuíto á Internet e a ferramentas ofimáticas mediante unha infraestrutura que permite usar libremente e de xeito privado as fontes e tecnoloxías da información.
O servizo de acceso a Internet e ofimática comprende:
Conexión wifi
A conexión wifi é pública e gratuíta, con cobertura en todos os espazos da biblioteca.
Para conectarse á wifi da biblioteca é preciso introducir un contrasinal. A primeira vez hai que rexistrarse por medio dun número de teléfono móbil, un certificado dixital ou o DNI-e. Nesta guía explícase como facelo: Guía de conexión á wifi.
A utilización deste servizo leva asociado un uso responsable, respectando a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual e evitando a descarga de contidos que poidan colapsar a rede.
Conexión á Internet e ferramentas ofimáticas
A biblioteca conta con ordenadores con acceso á Internet, distribuídos do seguinte xeito:
- No primeiro e segundo andar.
- No espazo Xove (andar cero).
Os ordenadores da Sala Infantil son de uso exclusivo dos nenos e nenas menores de 14 anos e as persoas que os acompañen.
Os equipos están equipados con sofware libre para crear e reproducir todo tipo de documentos.
Para a utilización deste servizo é preciso ter en conta as seguintes indicacións:
- O acceso a este servizo está aberto a todo o público, pero hai que rexistrarse. Nesta guía explícase como facelo: Guía de acceso á Internet desde os ordenadores da biblioteca.
- Cada persoa só pode darse de alta neste servizo unha vez e ter un único nome de usuario rexistrado. As persoas menores de 16 anos deben ter a autorización do pai, nai ou titor/a, que debe rexistrarse previamente.
- Por motivos de seguridade, non se pode instalar ningún programa nin modificar a configuración do ordenador. Este reiniciarase automaticamente ao remate de cada sesión, de xeito que calquera arquivo creado durante ela será borrado do equipo.
- Estes ordenadores tamén poden empregarse para consultar CD e DVD particulares ou da biblioteca (podes consultar no mostrador que equipos teñen lector de CD/DVD ou solicitar un lector externo), así como memorias USB particulares.
- No uso dos recursos da Internet, a persoa usuaria debe comprometerse a respectar en todo momento a lexislación vixente e a facer un uso adecuado do servizo. Non se permite o acceso a páxinas con contido racista, xenófobo, pornográfico, violento ou que incite á violencia.
- A biblioteca non se fai responsable en ningún caso da información que puidese recuperar ou á que puidese acceder a persoa usuaria a través dos postos de consulta de Internet.