O colectivo Máisquemel organiza varias actividades con motivo da celebración do Día Mundial das Abellas que se celebra o 20 de maio e que terán lugar ao longo do mes de maio
Estas son as actividades que temos na nosa biblioteca:
*Do 6 ao 30 de maio no vestíbulo. Exposición “A crise de polinización. Un planeta con plantas estériles?” realizada pola Universidade de Vigo. A exposición está deseñada para ser unha experiencia educativa e visualmente impactante que motive aos visitantes para tomar acción en favor dos polinizadores. Coa combinación de elementos informativos e visuais, esperamos sensibilizar ao público sobre a urxente necesidade de protexer a estes cruciais seres vivos. Este proxecto expositivo busca concienciar sobre a importancia dos polinizadores e as ameazas que enfrontan, utilizando unha combinación de elementos visuais e textuais que informen e sensibilicen aos visitantes. Toda a información presentada está avalada por estudos científicos realizados polo laboratorio Divulgare da Universidade de Vigo
*Martes 6 de maio ás 19.00 e 19.30h no salón de actos. Inauguración da exposición e charla “A crise dos polinizadores: un reto para a conservación medioambiental” a cargo de Luis Navarro, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, catedrático de Botánica na Universidade de Vigo e director do Grupo de investigación en Ecoloxía e Evolución da Universidade de Vigo e o Grupo de divulgación científica Divulgare. A crise dos polinizadores: un reto para a conservación ambiental” é unha exposición que aborda a alarmante diminución de especies polinizadoras, esenciais para a reprodución das plantas e o mantemento dos ecosistemas. Co obxectivo de concienciar e xerar un cambio na percepción pública, o laboratorio Divulgare da Universidade de Vigo presenta esta exposición nun formato innovador que combina cómic e vídeo de animación. Unha invitación para reflexionar sobre o legado que queremos deixar a futuras xeracións e o papel que cada un debe asumir na conservación do noso planeta.
*Sábado 10 de maio ás 12.00h no salón de actos. Contacontos “Melisa quere traballar” a cargo da Compañía Garabullo. Melisa quere traballar é a historia dunha abella obreira que, ao cumprir un día de vida, decide contribuír á colmea. Proba varios traballos: limpadora, coidadora de crías, construtora de paneis... Pero non encaixa en ningún. Ao final, descobre que o seu verdadeiro don é recoller pole e néctar, converténdose na mellor carrexadora.
Despois do conto, realizaremos un obradoiro de chapas (imáns), onde as nenas e nenos poderán deseñar as súas propias creacións inspiradas na historia de Melisa.