Proxecto elaborado coa colaboración da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, a Unidade de Cultura Científica do CSIC, o Museo da Maxia de Galicia e a Escola de Música Berenguela
Luz, sombra, astronomía, maxia, música, matemáticas, mitoloxía, física, historia... É posible combinar todo isto nunha soa aventura e facela apta para todos os públicos? A resposta é si, e o segredo está nun dos fenómenos que máis nos fascinan desde o principio dos tempos: as eclipses.
Este proxecto nace por dous motivos moi especiais:
Un novo libro: A publicación de Eclipses: Cando a luz desaparece, un libro de divulgación da colección “Mentes Curiosas, Curiosas Mentes” (Editorial CSIC e Zahorí Books), dirixida por Pura Fernández (Vicepresidenta adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC).
Un evento histórico: A proximidade da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un espectáculo único que se poderá ver desde Galicia.
Para celebralo, as entidades participantes no proxecto xuntámonos para crear un proxecto artístico e científico e achegar a ciencia á rúa de xeito divertido. E así acollemos na biblioteca a charla e o obradoiro infantil A maxia das eclipses.
A charla será impartida por Andrea Rodríguez, investigadora postdoutoral no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), un dos centros do CSIC en Galicia, doutora en Astrofísica pola Universidade de La Laguna e especializada en Astronomía Cultural.
A continuación, teremos o obradoiro a cargo de Eloy Fernández, director do Museo da Maxia de Galicia. É un xeito lúdico e didáctico de comprender como funcionan as órbitas celestes, a proxección da luz e as sombras, os tipos de astros e as variantes de eclipses, todo a través de manualidades e xogos levados a cabo polo Museo da Maxia de Galicia. Incluso aprenderán a facer un xogo de maxia sobre o sol e a lúa!.
No salón de actos. A actividade está dirixida a 20 nenas e nenos de 6 a 12 anos. As persoas interesadas poden recoller a invitación no mostrador de Información da biblioteca dende 30 minutos antes de que comece a actividade.