Engadir ao calendario
Exposición de fotografías
Cedemos o espazo para acoller esta exposición de fotografías de Kazimierz Nowak tomadas nos anos 30 do século pasado durante a súa viaxe por África. A exposición está organizada polo Instituto Polaco de Cultura en Madrid e a Asociación Cultural Polonia en Galicia.
Kazimierz Nowak (1897–1937) foi un viaxeiro polaco que, entre 1931 e 1936, emprendeu unha das expedicións máis extraordinarias da primeira metade do século XX: atravesou África de norte a sur e de volta, percorrendo máis de 40.000 quilómetros. Realizou a viaxe en solitario, principalmente en bicicleta. Precisamente esta forma de desprazarse, modesta e pausada, baseada no contacto directo coas comunidades locais e a natureza, distinguíao da maioría dos viaxeiros europeos da súa época. Ao longo daquela expedición de varios anos, entrou en contacto con numerosas comunidades, entre elas os fellahs exipcios, os tuaregs, os tutsis, os hausa, os santo, os khoikhoi e os afrikáners do Transvaal, así como grupos denominados «pigmeos» na literatura da época. Aínda que a súa mirada seguía sendo a dun observador europeo do seu tempo, as súas crónicas destacaban pola súa vontade de achegarse directamente ás persoas que atopaba e intentar comprender a súa vida cotiá. Da súa viaxe xurdiron artigos publicados na prensa polaca e varios miles de fotografías realizadas cunha cámara Contax, unha selección das cales preséntase nesta exposición. Moitas delas poden interpretarse hoxe como unha forma de autorretrato de viaxe, próxima ao que actualmente chamariamos un selfie. O coidado da composición revela unha concepción estética ben definida, mentres que as propias imaxes parecen suxerir proximidade e confianza mutua entre Nowak e as persoas retratadas.
Nos seus textos, Nowak tamén prestaba atención aos procesos que tiñan lugar en África como consecuencia da colonización. Observaba que estes provocaban a desaparición de tradicións locais e formas de vida que el intentaba documentar. As experiencias e os relatos de viaxe de Nowak seguen inspirando a viaxeiros, reporteiros e autores que buscan achegarse a África máis aló da lóxica do turismo apresurado e a exotización colonial.
A editorial española Edicións do Vento publicou en 2018 o seu relato da viaxe co título A pé e en bicicleta polo continente negro.
A Asociación Cultural Polonia en Galicia, fundada en 2006 con sede en Santiago de Compostela, promove a lingua, a cultura e as tradicións polacas en Galicia a través de actividades educativas e culturais dirixidas a persoas de todas as idades. No ano do seu 20º aniversario, a asociación continúa impulsando iniciativas que achegan a cultura polaca á sociedade galega e fomentan o diálogo intercultural. A organización desta exposición forma parte deste compromiso coa difusión da historia, a cultura e o patrimonio polacos.
A exposición pode visitarse no vestíbulo da biblioteca do 20 de novembro ao 12 de decembro durante o horario de apertura.