TintA: unha historia do fanzine libertario, de 1976 á actualidade

02 - 31 de Maio 2025, 8:30 - 21:00
Imaxe
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
A Coruña › Santiago de Compostela

Exposición organizada pola Confederación Nacional do Traballo de Compostela

Cedemos o espazo para realizar a exposición “TintA: unha historia do fanzine libertario, de 1976 á actualidade” organizada pola Confederación Nacional do Traballo de Compostela.

Desde os seus inicios, o anarquismo optou pola cultura para difundir a súa concepción dun novo mundo: libre, xusto, carente de toda dominación e logrado a través da transformación social. Desenvolvendo un amplo abano de prácticas e actividades culturais, os anarquistas non pretendían unicamente a difusión da Idea senón que, ao mesmo tempo, buscaban satisfacer o afán de coñecementos do proletariado e do campesiñado, privado na súa ampla maioría do acceso a unha mínima formación educativa e cultural. Escolas racionalistas, Ateneos, asembleas, teatro, publicacións, grupos de lectura, as artes gráficas, conferencias… o campo cultural do movemento libertario desenvolveuse amplamente, conformándose como un proxecto heteroxéneo, emancipador e con identidade propia.

Entre toda esta multitude de manifestacións culturais, a letra escrita adquiriu gran relevancia, cun enorme tesón e esforzo, boletíns, panfletos, revistas, xornais… unha infinidade de publicacións viron a luz, arraigando rapidamente entre as capas sociais máis desfavorecidas.

Esta tradición cultural anarquista, tivo o seu momento máis prolífico no estado español durante o período da Revolución Social, onde unha innumerable cantidade de publicacións abordaban todo tipo de temáticas: xeografía, filosofía, historia, sexualidade, pedagoxía e un longo etc... Coa perda da Guerra Civil e instaurada a ditadura franquista o número de publicacións descende drasticamente e a súa presenza vólvese testemuñal, a prohibición, apoiada baixo unha cruenta represión e o medo imposibilitaba a edición e difusión de calquera idea non adepta ao réxime.

Tras a morte do ditador en novembro de 1975 e a perspectiva dun novo horizonte, o rexurdir da cultura libertaria volve coller impulso. Coa chegada e boom do fanzine a finais dos setenta principios dos oitenta, dá comezo un novo período extraordinariamente fértil, no que o activismo anarquista atopa, na autonomía e liberdade que proporciona esta publicación artesanal, o medio perfecto para a difusión cultural e informativa dunha realidade alternativa en plena confrontación coa proporcionada desde a hexemonía dos mass-media e a cultura oficial.

Papel, tesoira, pegamento...curta e pega, fotocopias e tintA!

¿Que é tintA?

TintA é unha mostra que se compón dunha pequena selección de fanzines de entre o que é unha infinidade de publicacións libertarias xurdidas desde finais dos setenta ata a actualidade e onde a través dun conxunto de artigos seleccionados, achegarémonos á realidade vivencial dun sindicato; dun ateneo; dunha asociación cultural; de individualidades…coñeceremos os seus puntos de vista, as súas opinións, as súas preocupacións, as súas loitas…

Do 2 ao 31 de maio na planta baixa, zona hemeroteca. Pode visitarse no horario de apertura da biblioteca.